A orixe da nosa parroquia da Milagrosa remóntase ao ano 1942. O párroco de San Froilán. D. Xosé Fernández Nuñez, debido ó numeroso pobo existente, inaugura o 20 de decembro deste mesmo ano un lugar de culto, a capela da Nosa Señora do Perpetuo Socorro. Este local fora alugado e estaba situado na avenida da Coruña. Nesta capela gardábase o Santísimo Sacramento e celebrábase a Santa Misa os domingos e días festivos ás 10 da mañá. Por estas mesmas datas inauguráronse tres escolas para esta barriada promocionadas polo mesmo D. Xosé F. Núñez. En setembro de 1945 adquírense tres parcelas de terreo (4.229 m2 en total), e , en outubro de 1947, márcase unha casa con dúas plantas e terreo por detrás da mesma, 625 m2 de superficie, á altura do número 157 da avenida da Coruña. A primeira pedra da igrexa colócase o 23 de febreiro do ano 1946, asistindo a este acto o bispo da diocese, D. Rafael Balanzá. Planos e memoria foron redactados polo arquitecto municipal, D. Ruperto Sánchez Nuñez. As obras comezaron inmediatamente. O 17 de xuño de 1948 estaba rematada a estrutura: muros e teito. O contratista foi D. Rodolfo Lama Prado, enxeñeiro de camiños.
Continuaron as obras de acondicionamento dos locais comezando pola capela lateral dedicada á Nosa Señora do Perpetuo Socorro. Esta veu a sustituir á capela ubicada na avenida da Coruña para o culto deste barrio. As outras obras, ademais da capela, continuando ata o ano 1961, realizadas polo contratista Xosé Gómez González. A maior parte das imaxes foi obra do escultor compostelán Manuel Miranda. E nos talleres Parcero, tamén en Santiago, confeccionáronse os retablos e os púlpitos durante 11 anos. O 16 de xaneiro de 1951 bendécese a igrexa e celébrase a misa dominical ás 12 da mañá por ser insuficiente a capela. Con data 31 de outubro de 1961, Don Antonio Ona de Echave, bispo da diocese, expide o Decreto de división de Parroquias e a erección de 5 novas na cidade, entre elas a da Milagrosa, que se formou con territorios segregados das antigas parroquias de Albeiros, San Froilán e San Pedro. O 2 de decembro de 1961 toma posesión como primeiro párroco da Milagrosa D. Xosé Varela España e dous coadxutores, D. Xosé Valcarce D. Armando V. Crespo.